Sunday 19 de May de 2024

Exposición “Se chove que chova” no salón de Plenos da Casa do Concello


A MOSTRA ESTÁ ORGANIZADA POLO PROFESORADO DE EDUCACIÓN INFANTIL DO CEIP CENTIEIRAS DE FENE

Xa se pode visitar no salón de Plenos da Casa do Concello de Fene a exposición “Se chove que chova”, mostra promovida polos mestres/as de Educación Infantil do colexio Centieiras, que tivo a súa orixe nunha actividade realizada no centro a comezos deste ano. A experiencia, baseada no tempo climatolóxico, permitiu aos/ás pequenos/as autores/as desfrutar do “maltempo” e sobre todo tomar contacto co mundo da fotografia. O resultado, aseguran dende o centro, foi moi positivo pola posibilidade que se lle deu aos/as alumnos/as de “recoller momentos, sentimentos e
aprendizaxes que non é doado rexistrar nas aulas da forma habitual”.

Nunha segunda etapa deste proxecto, “o interese polo mundo fotográfico incentivouse coa visita a exposicións desta manifestación artística”. Entre elas, á exposición “Metáforas visuais” de Román Montesinos, que se amosou no Museo do Humor de Fene ao longo do mes de febreiro.

E, xa por último, o mércores desta semana inaugurouse no salón de plenos da Casa do Concello –con presenza do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e da concelleira de Cultura e Ensino, Amalia García- a exposición “Se chove que chova”, cunha selección de fotografías elexidas polos 72 alumnos e alumnas de Educación Infantil do centro.

Por temática, a exposición divídese en varios apartados, BOTAS, CHARCOS, EMOCIÓNS, PARAUGAS, CALCETÍNS, CHOCOLATADA, PINTAR, PEGAR…, “que aglutinan os principais intereses tanto artísticos como de aprendizaxe das nenas e nenos protagonistas”. Tanto o agrupamento por temas coma os títulos das pezas expostas, así como a elaboración do catálogo da mostra, é froito do alumnado de Educación Infantil de Centieiras.